Adrián Saavedra
Baixo
ADRIÁN SAAVEDRA:
Licenciado en Composición pola Escola Superior de Música de Catalunya ESMUC e titulado en grao profesional na especialidade de Piano Clásico polo Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra. Estudia Análise e Composición de Música de Cine con Joan Albert Amargós, Lluís Verges e José Nieto, así como Composición de Jazz / Música Moderna con Gary Willis, Pep O’Callaghan e Tim Garland.
Dende sempre as súas inquedanzas foron dende a vertente máis escolástica clásica/ contemporánea, ata as tendencias da música popular actual, coma o jazz, o soul, as músicas do mundo... Traballa coma compositor, arranxista, produtor musical e intérprete.
Ten unha relación moi directa cas bandas de música do país, para as que traballa asiduamente, como a Banda Municipal de A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Silleda, entre outras, a raíz da presentación en 2010 do proxecto The Rock Band Show, para grupo de rock e banda de música. A partir deste proxecto xurdiron unha serie de encargas para distintas formacións ata o día de hoxe: Kallah Pallah, Odaiko Sinfónico, Vaia Banda, María do Ceo, Emilio Rúa, Banda de Gaitas de Forcarei, Abraham Cupeiro, Píscore...
Para orquestra sinfónica, colabora en proxectos didácticos co grupo de metais Hércules Brass e a Orquestra Sinfónica de Galicia (2015) con Abraham Cupeiro grava o disco Os Sons Esquecidos ca Real Filharmonía de Galicia (2017) e o proxecto Panxea estreado en 2019 tamén coa RFG.
Como compositor para medios audiovisuais colabora ata en 4 ocasións ca directora celanovesa Xudit Casas no xénero da curtametraxe, ca que presenta Sobre a Morte do Bieito (2009), Carta a Rosalía/Curta de Rosalía (2010), Recompuesto (2011) e Tercera Oportunidad (2012). En 2017 presenta a curtametraxe Insomnia dirixida por Ana de Nevado (Madrid).
Como produtor musical destacan os seguintes títulos:
- Os Tres Tenedores“Cocido Sinfónico” (2014)
- Puntada sen fío“A lúa prendeu a luz” (2015)
- Odaiko e Vanesa Muela“Camino de vuelta” (2016)
- A banda da loba“Bailando as rúas” (2017)
- Nastasia Zürcher“BEAT” (2017)
- Marcelo Dobode“Turoqua” (2019)
Como membro de Kendrah, é baixista e compositor achegando temas frescos e innovadores ao proxecto.