Ricardo Ferreira
Guitarra
RICARDO FERREIRA:
Músico e cantautor brasileiro, nacido na cidade de Río de Janeiro.
Desde moi novo comezou a súa formación musical de xeito autodidacta e logo na Escola de Música Villa-Lobos, en clases privadas de canto e guitarra (popular brasileira e eléctrica) con diferentes mestres e finalmente no curso de música TEPEM na Universidade de Río de Janeiro.
Profesionalmente, como músico en Brasil ten tocado en festas, bailes, colaborado con grupos de pop/rock e música popular brasileira.
Do ambiente familiar herdou a curiosidade e o gusto por escoitar diversos estilos musicais, servíndolle de influencia como músico e cantautor: da música popular brasileira, dende os artistas máis clásicos (Caetano Veloso, Milton Nascimento, Luis Melodía) ata os máis contemporáneos (5 a Seco, Paulinho Moska, Lenine), ademáis de samba, bossa nova, pop, electrónica (house, drum'n bass ...) e sobre todo rock dos 80/90 e música soul dos 60 ata a actualidade.
Chegou a Galicia no 2002, e ao longo destes anos colaborou como guitarrista e baixista en varias formacións da verbena galega e con varios artistas e grupos: Gustavo Almeida (Pop de autor - en estudo e xiras); Renato Spencer e Café Cachaça (fusión de música brasileira e galega); Laroá (folk); The French Connection Quartet (versións de clásicos da música francesa); The Soul Breakers (Soul); Conjuro Chamán (funk rock); Betty and the Amish (Pop, funk, soul); Raiñas (versións en galego de clásicos do pop); entre outros.
Tamén creou o proxecto de versións “Versionarte”, e continuou co seu traballo como cantautor.
Actualmente divide o seu tempo traballando como músico e arranxista no proxecto poético-musical da artista multicultural Ana Corzo (un CD-poesía que pronto verá a luz), tamén como baixista na xira do último disco de Gustavo Almeida (Vértice), ademais de colaborar noutros proxectos musicais e preparar persoalmente o seu primeiro traballo como cantautor.
Como membro de Kendrah, é guitarrista, aportando un estilo tradicional ao grupo.